Xuntanza de Sobreira
4 de febreiro de 2009O Sábado ás 20:00 horas na 2º planta do Circulo de Recreo Cultural (Casino de Lalín) terá lugar unha xuntanza do Grupo Ecoloxista Sobreira, para falar de moitos temas. Convidamos a calquer interesado/a en ecoloxía e medio ambiente a participar nesta xuntanza.
Vémonos!
Proxecto de novos estatutos do Grupo Ecoloxista Sobreira
15 de setembro de 2008Según quedamos na anterior reunión, presentamosvos o proxecto de novos estatutos para o voso estudo. Podedes presentar as modificacións que consideredes pertinentes. Na vindeira asamblea deberemos votar e aprobar estes estatutos.
ESTATUTOS DO GRUPO ECOLOXISTA SOBREIRA
CAPÍTULO I: DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO
Artigo 1: Baixo o nome de GRUPO ECOLOXISTA SOBREIRA, de aquí en diante o Sobreira, constitúese unha asociación sen ánimo de lucro de carácter ecoloxista, naturalista e cultural, que se rexerá polos presentes Estatutos, redactados ó amparo da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de Asociación.
O Colectivo é independente de calquera partido político ou confesión relixiosa.
Artigo 2: Os fins deste Colectivo son a defensa, protección, estudio e divulgación da natureza e do medio ambiente, para o que promoverá cantas actividades redunden en beneficio dos fins que se propón, como solicitudes, propostas e denuncias ante a administración pública, notas de prensa, publicacións, e todo tipo de actividades de educación ambiental.
Artigo 3: O Colectivo poderá colaborar con todas aquelas entidades que persigan os seus mesmos obxectivos, previo acordo da Xunta Directiva.
Artigo 4: O domicilio social do Colectivo fíxase en ____________ ___________________________________________. Poderá modificarse o devandito domicilio por acordo da Xunta Directiva.
Artigo 5: O ámbito territorial de actuación do Colectivo será a comarca do Deza. Non obstante, poderá estender a súa actividade máis alá dos límites desta comarca, en solitario ou en colaboración con outras entidades, de acordo co establecido no artigo 3.
CAPÍTULO II: SOCIOS
Artigo 6: Os socios poderán ser de dous tipos: persoas físicas e persoas xurídicas. As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e as persoas xurídicas poderán ser de natureza asociativa ou institucional e deberán designar a unha persoa física que os represente no Colectivo.
Artigo 7: As persoas físicas e as persoas xurídicas deberán, para adquirir a condición de socio, solicitalo por escrito á Xunta Directiva, que admitirá ou denegará provisionalmente a solicitude, pero esta decisión terá plena validez só no caso de que sexa ratificada pola seguinte Asemblea Xeral.
Os menores de idade deberán contar coa autorización, acreditada documentalmente, dos seus representantes legais.
Artigo 8: Os socios causarán baixa no Colectivo por:
a) Vontade do propio socio, comunicándoo á Xunta Directiva por escrito.
b) Disolución do Colectivo.
c) Unión ou integración do Colectivo con outra ou outras Asociacións.
d) Expulsión ordenada pola Xunta Directiva. O procedemento seguirá as seguintes etapas: primeiro a Xunta Directiva abrirá expediente informativo, despois escoitará ó socio en audiencia previa e se este é expulsado, redactará un expediente de expulsión baseado nun acordo motivado, que suspenderá provisionalmente os seus dereitos e deberes. O socio expulsado poderá apelar ante a seguinte Asemblea Xeral e a expulsión terá plena validez só no caso de que sexa ratificada por esta. As causas de expulsión serán as seguintes:
d1) Mostrarse publicamente a favor ou promover ou realizar actividades contrarias ós fins que persegue este Colectivo.
d2) Aproveitarse dos logros do Colectivo para fins alleos ó mesmo, agás cando os Órganos de Goberno o aproben.
d3) Malversar fondos do Colectivo ou estragar voluntariamente o seu material.
d4) Non satisfacer as cotas correspondentes nos prazos establecidos polos Órganos de Goberno.
Artigo 9: Os socios terán dereito a:
a) Participar en cantas actividades organice o Colectivo.
b) Gozar de tódolos materiais de que dispoña o Colectivo, de acordo coas normas establecidas para elo.
c) Pertencer a cantos Grupos de Traballo poidan crearse.
d) Consultar os Libros de Actas e os Libros de Contas do Colectivo, pedíndoos con catro días de antelación polo menos.
e) Ser electores e elixibles para os cargos da Xunta Directiva.
f) Presentar cantas propostas considere de interese ante a Xunta Directiva ou ante a Asemblea Xeral.
g) Recorrer ante a Asemblea Xeral o expediente de expulsión que lle impoña a Xunta Directiva. Ser oído en audiencia previa pola Xunta Directiva cando sexa obxecto dun expediente informativo e apelar ante a Asemblea Xeral cando sexa obxecto dun expediente de expulsión.
h) Asistir á Asemblea Xeral.
i) Impugnar os acordos dos Órganos de Goberno que estime contrarios á lei ou ós Estatutos.
Artigo 10: Os socios terán a obriga de:
a) Respectar os presentes Estatutos e as decisións acordadas polos Órganos de Goberno.
b) Satisfacer as cotas correspondentes nos prazos establecidos polos Órganos de Goberno.
Artigo 11: O Colectivo poderá conceder o título honorífico de Socio de Honra a todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que se destaquen polo seu labor na defensa do Medio Ambiente. Os Socios de Honra non terán dereitos nin obrigas.
A concesión deste título e, no seu caso, a retirada do mesmo, será feita pola Xunta Directiva e deberá ser ratificada pola seguinte Asemblea Xeral.
CAPÍTULO III: ÓRGANOS DE GOBERNO
Artigo 12: Os órganos de goberno do Colectivo son a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Artigo 13: O órgano supremo do Colectivo será a Asemblea Xeral, constituída por tódolos socios presentes, e que, debidamente convocada, decidirá por maioría os asuntos da súa competencia. Os acordos adoptados polas Asembleas serán obrigatorios para tódolos seus membros.
Artigo 14: As Asembleas Xerais poderán ser Ordinarias e Extraordinarias. Serán convocadas polo Presidente, previo acordo da Xunta Directiva, con oito días de antelación como mínimo. Quedarán validamente constituídas cando asistan, en primeira convocatoria, a metade máis un dos socios, e en segunda convocatoria, media hora máis tarde, cos socios que estean presentes.
Artigo 15: A Asemblea Xeral Ordinaria celebrarase anualmente para ratificar altas e baixas, aprobar as contas, o orzamento e a memoria de actividades, así como para o nomeamento da Xunta Directiva cando corresponda.
Artigo 16: A Asemblea Xeral Extraordinaria celebrarase cando o estime necesario o Presidente ou cando veña esixido por un tercio dos membros da Xunta Directiva ou un cuarto dos socios do Colectivo. Nestes dous últimos casos a petición farase por escrito ante o Presidente incluíndo os puntos da orde do día a debater e este estará obrigado a celebrala dentro dos quince días seguintes á petición.
A modificación dos Estatutos e a disolución, unión ou integración do Colectivo con outra ou outras Asociacións que persigan os seus mesmos obxectivos, deberá aprobarse en todo caso nunha Asemblea Xeral Extraordinaria, sendo preciso para a validez dos acordos adoptados o voto favorable das dúas terceiras partes dos socios presentes.
Artigo 17: A Xunta Directiva constará dos seguintes cargos: un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e cinco vocais. Tódolos cargos serán non retribuídos e cunha duración de catro anos e estarán ocupados por persoas maiores de idade que poderán ser reelixidas. Ninguén, excepto os vocais, poderá ocupar o mesmo cargo da Xunta Directiva durante máis de 8 anos consecutivos.
Artigo 18: Á Xunta Directiva correspóndelle executar os acordos da Asemblea Xeral e terá, por delegación desta, a competencia necesaria para cantos asuntos se refiran ó Colectivo. En consecuencia, a Xunta Directiva xestionará e representará os intereses do Colectivo a todos os niveis e en todos os ámbitos, de acordo coas directrices marcadas pola Asemblea Xeral.
Artigo 19: O Presidente ostentará a representación do Colectivo, obrigándoo coa súa sinatura. As súas funcións serán, entre outras que puideran corresponderlle en virtude destes Estatutos, as seguintes:
a) Convocar e presidir as reunións da Xunta Directiva e das Asembleas Xerais.
b) Dirixir os debates e decidir as votacións mediante o seu voto de calidade en caso de empate, pero só en segunda sesión, xa que aquelas decisións que non acaden a maioría necesaria en primeira votación ficarán sobre a mesa ata unha segunda sesión.
c) Velar polo cumprimento dos presentes Estatutos e pola execución dos acordos adoptados.
d) Tomar cantas iniciativas poidan redundar en beneficio do Colectivo adoptando, se fose necesario, as decisións oportunas nas cuestións urxentes que poidan presentarse.
Artigo 20: As funcións do Vicepresidente serán as seguintes:
a) Exercer as funcións que lle encomende o Presidente.
b) Substituír a este sempre que sexa necesario, transitoriamente en caso de ausencia, enfermidade, baixa e outras causas xustificadas ou permanentemente ata que o cargo sexa cuberto na seguinte Asemblea Xeral.
Artigo 21: As funcións do Secretario serán as seguintes:
a) Cubrir e levar os Libros de Actas, dando fe dos acordos tomados co visto bo do Presidente.
b) Cursar os escritos que emanen do Colectivo.
c) Estender a orde do día para as Xuntas Directivas e as Asembleas Xerais, de conformidade co Presidente, e cursar as convocatorias.
d) Custodiar o arquivo do Colectivo.
e) Redactar anualmente a memoria de actividades.
Artigo 22: As funcións do Tesoureiro serán as seguintes:
a) Levar as contas de caixa cos xustificantes de cobros e pagos.
b) Expedir os recibos das cotas dos socios.
c) Redactar anualmente o balance xeral cos estados de contas
d) Propoñer anualmente o orzamento do seguinte exercicio.
Artigo 23: Ós vocais correspóndelles realizar os cometidos que acorde a Xunta Directiva, así como substituír ó Secretario e ó Tesoureiro transitoriamente en caso de ausencia, enfermidade, baixa e outras causas xustificadas ou permanentemente ata que estes cargos sexan cubertos na seguinte Asemblea Xeral.
Artigo 24: A Xunta Directiva poderá propoñer a creación de Grupos de Traballo, que terán un mínimo de tres membros e un responsable nomeado polos seus membros, o cal actuará de portavoz e de enlace cos Órganos de Goberno. Estes Grupos de Traballo tamén poderán crearse a proposta dos socios e coa aprobación da Xunta Directiva
Cada Grupo de Traballo terá autonomía de acción dentro do seu ámbito de actuación, debendo manter informada á Xunta Directiva en todo momento de tódalas actividades que desenvolva.
CAPÍTULO IV: RECURSOS ECONÓMICOS E PATRIMONIO
Artigo 25: Os recursos económicos do Colectivo serán os seguintes:
a) As cotas dos socios, que serán fixadas pola Asemblea Xeral.
b) Os donativos, subvencións e legados de lícita procedencia que sexan aceptados provisionalmente pola Xunta Directiva e ratificados pola Asemblea Xeral.
Artigo 26: O patrimonio do Colectivo coincide co recollido nas contas aprobadas anualmente.
Artigo 27: O exercicio económico será anual e pecharase a 31 de decembro.
CAPÍTULO V: UNIÓN, INTEGRACIÓN, FEDERACIÓN E DISOLUCIÓN
Artigo 28: O Colectivo créase para unha duración indefinida.
Artigo 29: O Colectivo poderá establecer unión, integración ou federación con outra ou outras Asociacións que persigan os mesmos fins. Este acordo deberá ser tomado en Asemblea Xeral Extraordinaria co apoio de, alomenos, os dous tercios dos votos emitidos.
Artigo 30: O Colectivo poderá disolverse por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, sendo necesario o apoio de, alomenos, os dous tercios dos votos emitidos. Na mesma Asemblea, os membros presentes da Xunta Directiva integrarán unha Comisión Liquidadora que procederá á cancelación das contas correntes e fará entrega do patrimonio do Colectivo a unha ou varias entidades de carácter ecoloxista, naturalista ou cultural legalmente constituídas. Ademais comunicará a baixa do Colectivo nos Rexistros nos que estivera inscrita.
Sobreira reactivase!
15 de setembro de 2008No mes de Abril, convocóuse unha reunión aberta para refundar o Grupo Sobreira. Nesta reunión falouse de os motivos desta reactivación e despois de moito debatir, quedouse en que, antes de nada, era necesario facer unha revisión dos estatutos para adecualos a legalidade vixente e preparar todo o papeleo para os trámites administrativos. Unha vez solucionado esto, procederíase a convocar unha nova xuntanza para facer unha lectura do proxecto de novos estatutos e, aprobalos se estamos dacordo.
Con estos novos estatutos, deberíamos entre todos/as escoller unha nova Xunta Directiva, e poñernos a traballar.
Despóis do verán, retornamos o proceso, para o que é necesario convocar unha nova xuntanza. Esta será despóis das festas de Lalín.
Por medio da base de correos do asociacionismo de Lalín, custodiada por "O Naranxo", e de novas na prensa, realizarase unha convocatoria aberta a quen queira participar de novo no movemento ecoloxista do Deza.
IMPORTANTE: Se queres asistir a esta reunión, solicitar mais información ou suxerir algo, MÁNDANOS UN CORREO COS TEUS DATOS A grupo.sobreira at gmail.com.
Ide tomando nota desta páxina web e do noso novo correo grupo.sobreira at gmail.com

